Un relato budista

 

E EL ERA un profesor novo a facer unha viaxe por mar. Un home extremadamente culto que ostentaba un gran número de títulos tralo seu nome pero que tiña moi pouca experiencia verbo da vida. Entre a tripulación do barco no que viaxaba aquel mozo letrado había un vello mariñeiro analfabeto, quen todos os seráns ía ó camarote daquel para sentilo perorar sobre os máis diversos temas.
Un serán, cando o mariñeiro estaba a piques de saír do camarote despois de varias horas de charla, o profesor preguntoulle:
– Oíches, ancián? Ti estudaches xeoloxía?
– El que é iso, señor?
– A ciencia da terra.
– Non, señor, eu nunca lle fun a escola nin universidade ningunha. Xamais lle estudei nada.
– Ai, ancián, pois… perdiches a cuarta parte da túa vida.
O vello mariñeiro marchou amoucado. ¨Se un home tan estudado o afirma, daquela será certo¨, pensou. ¨Perdín a cuarta parte da miña vida!¨
De novo, o seguinte serán, cando o vello mariñeiro estaba a piques de saír do camarote, o profesor guindoulle unha pregunta:
– Oíches, ancián? E ti estudaches oceanografía?
– El que é iso, señor?
– A ciencia da auga.
– Non, señor, xamais lle estudei nada.
– Ai, ancián, pois… perdiches a metade da túa vida.
O vello marchou aínda máis amoucado có serán anterior. ¨Iste home tan estudado afírmaoo: perdín a metade da miña vida.¨
Unha vez máis, o seguinte serán, o profesor volveu facerlle outra pregunta:
– Oíches, ancián? E ti estudaches meteoroloxía?
– El que é iso, señor? Na vida lle sentín falar de tal couso.
– Como? É a ciencia do vento, da choiva, do tempo que vai!
– Pois… non, señor. Xa lle dixen que eu nunca lle fun á escola. Xamais lle estudei nadiña.
– Ai, ancián! Non estudaches a ciencia da terra na que vives? Non estudaches a ciencia do mar no que gañas o sustento? Non estudaches a ciencia do tempo que enfrontas a cotío? Daquela, perdiches as tres cuartas partes da túa vida!
O vello sentiuse moi desgrazado. ¨Iste home tan estudado afirma que perdín as tres cuartas partes da miña vida, e hache ser certo!¨
Mais ó día seguinte… O vello mariñeiro entrou correndo no camarote do profesor e berroulle:
– Oíu, señor profesor! E vostede estudou nadoloxía?
– Como nadoloxía? Que significa iso?
– Que se sabe nadar, señor!
– Non. Non sei nadar…
– Ai, señor profesor, pois… daquela perdeu toda a súa vida. O barco vén de chocar contra unha rocha e está a afundirse! Quen saiba nadar chegará á outra ribeira; quen non, afogará. E vostede… ai, lamento dicirllo… perdeu a súa vida.
Extracto de The Art of Living: The Vipassana Meditation, de William Hart e S. N. Goenka. Tradución inédita de X.A. dedicada á memoria do mestre Goenka, que tanto ben fixo a e espallou pola humanidade. Co meu eterno agradecemento. Sadhu!


Cadro de Turner: ¨A tormenta de neve¨.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s